Domingo, Novembro 05, 2006

A min gústame ler

Ola!, son Xan. Teño 13 anos e gústame ler. Así foi como me presentei aos meus novos compañeiros de instituto. Porque este curso fun facer 1º de Eso ao instituto da miña vila. Despois de dicir isto todos me observaban sorprendidos. Os meus amigos cren que son un becho raro porque non estou sempre coa “play”, xogando ao futbol ou vendo a televisión. Aínda que todo o que fan eles tamén me gusta e comparto cos amigos moi bos momentos, tamén os libros me proporcionan moita diversión. Todo o que me gustan os libro é gracias aos meus pais, que me lían un conto tódalas noites antes de durmir. Eles fomentaron en min esa curiosidade por aprender cousas novas, por descubrir culturas que para min eran descoñecidas e por pasar parte do meu tempo vivindo historias que outra xente escribiu. Cando aprendín a ler xa o fixen eu só e tamén resultaba divertido.
Para que serven os libros? Como te podes divertir lendo cando é tan aburrido? Iso é o que me preguntan os amigos. Eu sempre lles digo o mesmo, cando leo viaxo, coñezo xente nova, culturas e lugares que só existen nos libros. Onte, sen ir máis lonxe, coñecín a historia dunha nena de Afganistán, chamábase Massima e fíxenme amigo dela. Coñecín a súa cultura, os seus costumes, como viven no seu país, cales son os seus problemas. Non hai moito coñecín a historia dun correspondente de guerra e do seu intérprete neno, resultou moi emocionante. Eu que vexo ás veces no telexornal a eses xornalistas que están en territorios en guerra descubrín con Néstor e Milo, que corren perigos para informarnos e que deixan parte deles nos seus intérpretes. Cando non estou lendo eu mesmo imaxino as miñas propias historias e aventuras aproveitando as cousas que me conta a avoa.
Gracias aos libros, como di o meu mestre, cometo poucas faltas de ortografía, teño moito máis vocabulario que o resto dos meus compañeiros e a miña expresión é moito mellor que a dos outros nenos da miña idade. Os libros tamén me serven nos meus estudios mentres me divirto coas súas historias.
Ah! Xa se me esquecía, eu leo a maior parte dos meus libros en galego, pero tamén leo en castelán e cando saiba máis inglés e francés quero facelo tamén nesas linguas. Prefíroos en galego, porque falan de xentes e lugares próximos. Tamén porque me gusta ler na lingua coa que falo coa avoa, cos pais e con moitos dos meus amigos. O que non entendo, será porque aínda son un neno, é por que hai xente que non quere ler en galego ou que lles gustaría facelo e non o fan. Algúns din que non saben ler en galego. Pero, non se le igual en galego que en castelán ou en calquera outra lingua? Incluso chegan a xustificarse dicindo que non o entenden. Logo non é o mesmo o galego que eles falan que o que eu leo nos meus libros? Eu cando falo cos meus emprego o mesmo galego que o que aparece nos libros e son un neno. Eles que son maiores non poden facer o mesmo? A verdade é que non o entendo. Cando sexa maior quizais lle atope unha explicación. Adeus!

De Res Publica

A ledicia coa que os cargos públicos dispoñen das arcas municipais é abraiante e sobre todo irresponsable. Os administrados non somos conscientes en moitas ocasión de que cando esiximos que nos concellos se fagan investimentos, os cartos non saen dun saco, senón que o fan dos nosos petos, a través dos impostos. Non temos claro ou os nosos políticos locais non nos saben ou non queren explicar cal é a situación real das arcas municipais. Isto provoca que esixamos máis do que os concellos poden dar sen desequilibrar as contas de ingresos coas de gastos. Dende logo, ninguén vai discutir que non sexa lícito pola nosa parte que esixamos que as nosas vilas melloren día a día. Pero non debemos facelo sen ser conscientes de se poden facelo tal e como esiximos. Aspiramos a que as infraestructuras de concellos pequenos como o de Bueu sexan as mesmas que as das grandes vilas ou cidades do noso país. Isto non pode ser.
O noso concepto do público lévanos a non ser conscientes que cando alguén rebenta unha papeleira ou queima un colector do lixo, está perxudicándonos a todos, posto que se van amañar cos nosos cartos.
A neglixencia dos cargos públicos é unha das causas dos maiores desequilibrios dos cartos dos veciños. Eles aumentan o endebedamento das institucións ata facelas chegar a situacións de quebra técnica. Os políticos teñen a obriga de explicarnos aos veciños a situación real da economía local e de axustar o nivel de gastos ao de ingresos. Son os nosos políticos os que deben decidir que obras ou investimentos requiren maior urxencia e cales se poden pospoñer ata épocas mellores. Non se pode admitir que un concello como o de Bueu leve varios anos, entre eles os de goberno do PP con maioría absoluta, sen aprobar un presuposto municipal e provocar unha crise importante nas arcas municipais.
Tamén deben os nosos políticos ser máis responsables na supervisión das obras públicas como das privadas. Son moitos os exemplos ao longo da historia da construcción pública de Bueu os casos de neglixencia. Os casos máis coñecidos son os do Pavillón Municipal, con graves problemas de goteiras; a rúa Eduardo Vincenti ou as deficiencias detectadas na recente obra do Centro Social. Estas mesmas neglixencias se producen tamén na construcción privada. Que acontece co trato de favor recibido por Gas Galicia no desenvolvemento da súa rede. Por que non se lles esixe que asfalten as rúas que abriron en Bueu? Outro caso de neglixencia institucional é o caso do guindastre que leva varios meses na rúa Cubela sen que a constructora teña licencia. Todas estas irregularidades supoñen un prexuízo moi grave para os veciños e para as arcas municipais. Se unha obra pública que custa moitos cartos require ao pouco tempo un novo investimento para solucionar as deficiencias, de quen é responsabilididade?
Cómpre que os políticos locais teñan máis celo na supervisión e na recepción das obras, para que non sexamos os veciños os que asumamos estes gastos.

Quen entende o urbanismo?

A lexislación urbanística non é entendida nin comprendida polos cidadáns. Os veciños de Agrelo non entenden por que nas súas terras Costas exerce o seu dominio ata os 200 metros e no concello do outro lado da ría, Sanxenxo, as edificacións chegan ao pé da praia. A explicación está segundo os que entenden na catalogación dos terreos. O curioso é que todos os propietarios da zona de Agrelo-Portomaior levan moitos anos pagando como zona urbana e hoxe non poden construír nos seus terreos. Quen lle devolve os cartos pagados por eses terreo que agora non valen absolutamente nada. Que dereito a reclamar teñen estes veciños?.
O mundo rural, malia a súa proximidade en moitos casos a núcleos de poboación importantes, como acontece no caso da comarca do Morrazo, próximos a Pontevedra e Vigo, queda cada día máis baleiro. Non é de estrañar que isto aconteza, as zonas que non están baixo a protección agrícola ou forestal, requiren non menos de 4000 metros para poder construír unha vivenda. Quen pode construír con estas condicións?
Son dos que creo que as institucións deben dar solucións aos veciños e non simplemente a cobrar impostos e asfaltar camiños ou poñer puntos de luz. No caso do urbanismo os problemas que crean son máis que as solucións que nos proporcionan cando un necesita construír ou modificar a súa vivenda. Os concellos debían proporcionarlle aos veciños que queiran construír unha vivenda varios modelos de construcción e favorecer as vivendas de baixo e planta, sobre todo cando se trata da primeira vivenda, á que todos temos dereito. Cómpre encher o Morrazo de en rea e non de edificios de moitas plantas. Debe primar a construcción horizontal sobre a vertical. As urbanizacións de vivendas pegadas son menos agresivas co contorno que os bloques de edificios de moitas plantas. É necesario dar facilidades e fomentar a construcción de vivendas unifamiliares no rural e nas zonas de costa ás novas familias da localidade que posúa terreo, sempre que se respecte o contorno natural. Estas medidas farían que zonas fermosas pero que hoxe en día están totalmente abandonadas poidan ter maior vida e mellorar o seu deteriorado estado. Acaso é mellor unha zona como Agrelo-Portomaior chea de silveiras ou ter unha urbanización ordenada de en rea con zonas verdes, áreas de expansión e recreo de tódolos veciños e un paseo marítimo neste contorno natural incomparable?
Os concellos deben ser permisivos cos veciños que necesitan construír a súa vivenda no único terreo que teñen e esixentes co especulador urbanístico. Se un ten unha parcela debe poder construír a súa vivenda sempre respectando as condicións e o tipo de vivenda que lle impón o concello. A administración debe ter en conta sempre a necesidade que ten esa familia dunha vivenda e non os metros que debe ter a súa parcela. Agora que se está revisando a Lei do Solo de Galicia sería moi importante que os técnicos e os políticos humanizasen o urbanismo galego.

O San Migueleiro ou a exaltación do alcoholismo xuvenil.

O Plan Nacional de Drogas a través da ministra de Sanidade e Consumo vén de facer públicos os datos preliminares da enquisa a escolares en 2004. Os datos non poden ser máis que preocupantes, “un de cada tres mozos de catorce a dezaoito anos recoñece ter tido unha bebedeira algunha vez nos últimos 30 días e só o 9% opina que consume alcol de forma excesiva”. Algún deses mozos seguro que teñen participado na exaltación do alcoholismo e da barbarie que supón a celebración en Marín do San Migueleiro. O que comezou hai uns anos sendo unha diversión de adultos vén a converterse co tempo nun inmenso botellón que percorre as principais rúas do concello. Cada ano os participantes son máis novo e as rúas quedan nun estado máis lamentable. Non máis alá das once da noite do sábado 25 de Setembro as rúas estaban cheas de restos de cristais dos vasos ou de centos de vasos de plástico coa pasividade da máxima autoridade municipal que dende unha terraza dun bar observaba o estado lamentable da rúa traseira do concello, que parecía non darlle nin a máis mínima importancia a tal situación. Ao día seguinte os restos da tarde-noite de esmorga supón para os transeúntes unha loita para non pisar os cristais e as vomiteiras deixadas polos mozos que non foron quen de soportar as grandes cantidades de alcol. Tampouco se pode esquecer o esforzo económico que debe facer o concello para restaurar o bo estado das rúas e liberalas dos quilos de lixo que as encheron. Un ten a estraña sensación de que esa tarde noite todo está permitido no que respecta ao consumo de alcol, sen ter en conta todas as consecuencias que esta permisividade pode causar.
O máis triste desta situación que viviu Marín o 25 de Setembro é que a festa sofre unha especie de institucionalización por parte da institución municipal. Non se pode esquecer que a maior parte dos participantes son mozos que non acadan a maioría de idade, e que polo tanto teñen prohibido a posibilidade de mercar ou de consumir o alcol. Cabería preguntarse como se permite esta exaltación do alcoholismo e que mozos que non chegan aos 16 anos en moitos casos se enchan de alcol ata non aguantar máis. Podería resultar moi ilustrativo coñecer o número de casos de comas etílicos ou de ingresos no servicios de urxencias procedentes de Marín a tarde-noite da celebración do San Migueleiro para saber ata que punto se produciu ou non un aumento nestes caso respecto a outras fins de semana do ano. Non cabe dúbida que neste caso moita culpa teñen os seus proxenitores por permitirlle a participación nesta festa etílica, pero non se pode esquecer que tamén teñen moita culpa as autoridades por non controlar a venda de alcol a menores. Dende logo o que non se debe permitir e moito menos promover e fomentar unha festa de tales características. Sería moi recomendable que o concello de Marín se replantease moi seriamente a suspensión desta festa de exaltación do alcolismo xuvenil ou cando menos o control estricto do cumplimento da lexislación sobre o consumo do alcol.

Cogito ergo afflicto

A especie humana presume da súa capacidade cognitiva fronte ás outras especies do mundo animal. Malia esta actitude fachendosa, nos malos tratos estamos moi lonxe das actitudes e actuacións dos que chamamos seres irracionais.
Se botamos unha ollada aos nosos veciños de planeta observaremos que os machos protexen ás súas femias ata quedar sen folgos, mentres entre nós medran cada día máis as denuncias por violencia de xénero e as víctimas (non hai moito aparecía na prensa o seguinte titular “Pontevedra acapara la mitad de los 329 casos de maltrato registrados este año”) Non é que de súpeto todo o mundo tolease. Os medios de comunicación e a coraxe de moitas mulleres fai que saian á luz. Moitas víctimas xa non se consideran as culpables da situación senón que asumen que son víctimas da violencia. O máis preocupante é que en moitos casos as iniciativas lexislativas e a actuación da administración provoca que a situación se agrave. É necesario que se tomen medidas claras e contundentes contra os agresores, e as agredidas se sintan protexidas e arroupadas. Resulta noxento que moitas mulleres non denuncien a súa situación porque saben que se o fan a súa vida empeorará moito máis do que xa é porque en moitos casos deben volver onda os seus verdugos porque non se lles dá outra posibilidade. Son moitos os casos de mulleres que valerosamente denuncian a súa situación e que acaban morrendo a mans dos denunciados. Onde está a xustiza e a solución ao problema? Onde está a intención de solucionar o problema?
Se volvemos a nosa ollada a eses seres que observamos por riba do ombreiro sorprenderanos como morren polos seus fillos. A súa proxenie representa parte do seu ser e da súa especie. Nós, pola contra, pertencemos a sociedades que non reaccionan diante do abandono, da explotación e mesmo da violencia e abuso sexual ao que son sometidos os nenos. Tratamos de fuxir desta lacra social falando de casos illados, da repercusión mediática ou compadecéndonos das víctimas. Pero permanecemos impasibles diante desta aldraxe a seres indefensos e febles. Onde está a reacción social? Quen lle pide responsabilidade e dilixencia aos que teñen que actuar? Onde está a política de protección das víctimas?
Debemos ollar con envexa ás manadas de animais que protexen aos seus membros coa súa vida porque nós lonxe de facelo nas nosas “manadas”, dedicámonos a pisar física, dialéctica ou psicoloxicamente a todo aquel que se nos achega. Que diferencia hai entre o que naceu en España e o que chega a ela a gañarse o pan? Que sería de moitos galegos se non fosen acollidos na emigración?
Reflexionando sobre todo isto ven ao meu maxín esta cuestión. Para que nos serve o raciocinio? Penso que para argallar cómo nos imos impor ao que temos preto. A moitos a capacidade de raciocinio que se lles presupón non lles serve para máis. Con eles a sentencia latina cogito ergo sum non resulta máis que un sen sentido.