Segunda-feira, Setembro 04, 2006

REFLEXIÓN SOBRE A VII FESTA DO POLBO

O Concello de Bueu segue caendo no mesmo erro ano tras ano na celebración de festas gastronómicas. A Festa da Vieira debería ter nacido no seu momento como unha celebración encamiñada á promoción deste produto que daquele era un dos máis importantes na economía dos nosos pescadores. Pois nada máis lonxe, froito da presión de certos hosteleiros naceu e morreu como un negocio para que catro cubrisen as perdas dos seus negocios. O máis indignante é que un dos que máis controlaba aquela festa non era propietario de restaurante.
O mesmo acontece coa Festa do Polbo. É unha festa gastronómica sen atractivo entre as propias xentes do sector. Este ano, o mesmo que os anteriores, só participaron catro hosteleiros. Habería que preguntarse se merece a pena o esforzo que fai o concello, sobre todo de tipo económico, para a repercusión que realmente ten esta festa gastronómica. Outro problema engadido este ano foi a coincidencia coa Feira Franca de Pontevedra, feito que tamén lle restou participantes e repercusión mediática.
Para converter a festa en referente gastronómico da vila ten que sufrir un cambio e unha reflexión profunda por parte dos organizadores. Cómpre implicar a todos os hosteleiros da vila na celebración desta festa. Hai que convencer á xente para que se trastalade aos diferentes locais de hostelería de Bueu á degustación deste prezado manxar nas diferentes modalidades culinarias. Ademais hai que engadirlle o atractivo dos prezos. Esa fin de semana nos se pode plantear como un negocio senón como unha inversión de futuro. Hai que convencer aos visitantes de que para comer polbo nas súas diferentes modalidades hai que vir a Bueu en calquera momento do ano. Deste xeito conseguiremos que Bueu sexa, tal e como merece, a capital do Polbo.

Domingo, Setembro 03, 2006

A DESPREOCUPACIÓN POLO NOSO PATRIMONIO
O noso concello posúe un patrimonio cultura que está sendo ignorado por parte do goberno municipal. Na década dos oitenta o goberno bipartito BNG-PSOE fixo un esforzo importante na restauración de tres muíños de auga en Cela, Beluso e Meiro respectivamente. Os tres atópanse no esquecemento por parte da institución municipal e non son aproveitados nin pedagóxica nin turisticamente. Só o de Meiro está sendo empregado polos veciños para a celebración da Festa do Millo corvo.
Isto non é todo, a recuperación de embarcacións tradicionais é unha iniciativa de asociacións como Os Galos que recolleu o testemuño de As Lagoas, primeira asociación que recuperou o bote polbeiro, embarcación típica de Bueu.
O caso máis grave de deixadez atopámolo na propiedade que o concello posúe na urbanización da antiga conserveira de Alonso. Alí existe un espazo cedido aos veciños no que se conservan restos romanos e no que o goberno municipal non amosou o máis mínimo interese na súa recuperación e na creación dun espazo visitable.
Estes son tres exemplos da pouca importancia que lle conceden as nosas autoridades municipais aos noso patrimonio cultural. O importante para os nosos políticos son as festas gastronómicas (a Festa do Polbo) ou industriais (A Mostra do Morrazo), que teñen a súa importancia pero que son iniciativas efímeras. O noso patrimonio cultural representa o noso pasado e pode ser unha aposta importante de futuro e facer de Bueu un referente de recuperación do noso patrimonio cultural.