ARDE GALICIA
Estes últimos días en Galicia fomos pasto do lume. Aínda que isto non deixa de ser unha novidade malia que o goberno anterior da Xunta mantiña unha política de escuridade verbo do número real de lumes que se producían. As xentes botáronse ao monte para protexer as súas casa e defenderse desta marea de lume que a semellanza do Prestige encheu as nosas terras. Malia esta semellaza coa catástrofe do chapapote houbo nesta ocasión moitas diferencias que non debe nin poden ser esquecidas. O goberno autonómico non estivo de cacería, aínda que os dirixentes do PP e as emisoras afíns falen de descordinación e se pregunten onde están os conselleiro. Tampouico se debe esquecer que o lume non é froito da neglixencia da administración como foi o afundimento do barco. Os membros da oposición saen na prensa ofendidos diante das insinuacións de que están detrás. Eles mesmos son os culpables deste ruxe ruxe, cando eles estaban no goberno culpaban ao BNG de estar detrás dos lumes. Por que non pensar agora que son eles os incendiarios?
Ao goberno da Xunta hai que pedirlles que seguindo coa súa política de transparencia nos digan aos cidadáns quen eran as empresas que vivían do lume, que eran os seus propietarios e cales as súas relacións co goberno anterior. Se o fan mesmo levamos certas sorpresas sobre a política forestal dos anos de goberno do PP.
A dinámica dos lumes de Galicia demostra que se trata dunha queima perfectamente organizada. Que non nos enganen as detencións feitas. Pode pensar alguén que se se trata de algo perfectamente organizado e trazado van ser doados de capturar os seus autores? Os que caen en mans das autoridades son aqueles que actúan por simpatía con estes lumes ou os que aproveitan a situación para vinganzas persoais. Eles non son os verdadeiros culpables.
O goberno da Xunta caeu nun erro moi importante que provoca a indignación da xente que loita por defender as súas terras, deixáronse absover pola solución do problema e non se achegaron ás xentes para explicarlles por que non chegaban as cuadrillas a todos os lumes ou os elementos aéreos. Ás veces unha simple chamada ou a presenza dalgún dirixente da administración na zona ou nos medios para explicar que en determinados momentos os medios non eran abondos, que non podían actuar sempre os medios aéreos e que houbo que priorizar as casas e as vidas sobre os montes.
Resulta indignante a actitude carroñeira dos dirixentes do PP, fotografías dos seus dirixentes colaborando presuntamente na extinción dos lumes, comidas de homenaxe mentres Galicia arde, declaracións vergoñentas comparando a actitude do goberno actual coa súa no caso do Prestige. Teñen a pouca vergonza de crer que as xentes non temos memoria e falsean a realidade. Todos lembramos como foron eles os que provocaron o afundimento do barco e o espallamento do chapapote por todas as nosas costas. Certo é que o goberno actual actúa de xeito diferente a eles, non hai escurantismo na información e non lle menten á poboación. Cando eles gobernaban houbo que recorrer á prensa estranxeira para saber o que realmente estaba acontecendo en Galicia. Evidentemente non se pode comparar a actitude da TVG no caso dos lumes co silencio verbo do Prestige. Por sorte os tempos e os gobernos cambiaron.
Cómpre non esquecer que despois desta catástrofe natural provocada pola acción ruín e endiañada da man do home cómpre reflexionar sobre a situación na que se atopan os nosos montes e buscar como revalorizalos para que non se volva a repetir. Non se pode esquecer que moitos deles agochan non só a riqueza natural senón tamén parte importante da nosa historia e do nosos pasado, castros, mámoas e petroglifos.