Segunda-feira, Julho 31, 2006

O IMPOSTO REVOLUCIONARIO DA SGAE
España é o único país da Unión Europea no que unha asociación privada, a Sociedad General de Autores Españoles, actúa como se fose un organismo máis da admistración do Estado. Adícase a impoñer co respaldo do gobreno un imposto ou o que eles chaman o canon. Coa desculpa da protección da propiedade intelectual enchen os seus petos xentes como Ramoncín ou Tete Bautista, artistas que hai anos que non pisan un escenario.
Neste país noso no que a presunción de inocencia é un dereito adquirido, no caso do canon que establece a SGAE sucede o contrario, presupoñen que todos nos imos a adicar á pirateria. Por iso cando mercamos unha caixa de Cds ou DVD temos que pagar un suplemento para a SGAE, o memos acontece con aparellos como os modernos MP3 ou as mpresoras multifunción. Pero o curioso é que o canon teñen que pagalo todos aínda que adiquen os Cds a gravar materias froito da inspiración e o esforzo persoal, ou copias da contabilidade ou dos arquivos dunha empresa. Tanto os que temos produción intelectual ou as empresas que arquivan a súa documentación, ¿como recuperamos o canon que pagamos nos Cds ou DVD que empregamos para almacenar a nosa produción? Por que a SGAE recada cartos polo meu labor e non me chega a min, senón que teño que pagar por gardar o meu propio taballo? Cando menos parece de tolos.
A pouca vergonza da SGAE vai moito máis alá. Os seus empregados preséntanse nos establecementos de hostelería como “inspectores” e pretenden que os empresarios paguen un canon por ter música de fondo no seu local ou por ter unha televisión funcionando nun local. Pretenden cobrar por facer uso de emisoras de radio e de televisión que son de acceso libre e público. Enganan aos hosteleiros dándolles a entender que forman parte dun organismo oficial e que o afectado está obrigado a pagar ese canon.
Unha das últimas campañas da SGAE seméllase moito ao envío de cartas que fai a banda terrorista ETA aos empresarios para estorsionalos. A Sociedad General de Autores Españoles adícase a enviar aos comerciantes cartas esixíndolle un canon polo uso de aparellos de radio nos seus comercios. Esta iniciativa é un exemplo máis da política de asoballamento que emprega a SGAE para facer medrar as súas arcas.
A esta asociación éncheselle moito a boca ao afirmar que o fin que os guía é a defensa dos intelectuais. O que non contan é que grazas ao canon que cobran en Cds e DVDs foron quen de facer pechar a varias fábricas que se adicaban á súa produción en España. Quen defende a todos os empregados desas fábricas que quedaron sen traballo? Que aconteceu cos empregados das multinacionais de Cds e DVDs que tiñan as súas fábricas en España e que levaron a súa produción a outros países da Unión Europea?
Quero deixar unha pregunta no aire. A onde van todos os cartos que recada a SGAE? Chegan eses cartos aos seus verdadeiros destinatarios? Por que recada cartos a SGAE por dereitos que non pertencen aos seus asociados?

Domingo, Julho 30, 2006

O PUNTO DE LECTURA DE MEIRO PECHA AS PORTAS
Onte lin con sorpresa no Diario de Pontevedra a protesta dos veciños de Meiro pola iniciativa do Concello de Bueu de pechar sine die o Punto de Lectura que ten en Meiro. Esta actitude demostra a preocupación dos nosos gobernantes pola promoción da lectura entre os máis novos de Meiro. O peche, que non ten ningún tipo de xustificación, prodúcese curiosamente no verán cando máis tempo poden adicar os nenos e nenas ao grato pracer da lectura. Os veciños non poden nin deben consentir que os seus rapaces perdan a aportunidade de achegarse a ese pequeno espazo de cultura que é o Punto de Lectura. Quero pensar que este primeiro paso en contra da promoción da lectura non se vai espallar a lugares como Cela e Beluso. Tamén resulta indignante que a oposición municipal non reaccionase contra esta actitude da Concellería de Cultura e se limite a gardar silenzo. O problema igual é que para eles a cultura non dá votos e que os nenos de Meiro vexan como se pecha un lugar de lecer no que poder viaxar coa imaxinación non é importante. É cando menos gratificante observar que a asociación de Meiro por boca da súa presidenta ergue a voz para protestar e demostra a súa preocupación pola cultura como vén demostrando noutras das súas iniciativa. O obxectivo non é outro que recuperar este servizo que o Concello viña ofrecendo. Os políticos teñen a obriga de mellorar o ben estar dos seus gobernados e non ir reducindo os servizos que se lle ofrecen. Só nos queda agardar que volvan a abrir as portas do Punto de Lectura de Meiro e que demostren a súa sensibilidade e preocupación pola formación dos nenos e nenas da nosa vila.

Quarta-feira, Julho 26, 2006


O DÍA DE PRISCILIANO
23-07-04

Clío, musa da historia, soe pór a cadaquén no seu sitio e esta que vou contar ben pode ser unha das súas brincadeiras. No Finisterre europeo aló polo século IX, en palabras dos propios homes do medievo, prodúcese a Inventio da tumba do Apóstolo Santiago. Séculos antes nacera en Iria Flavia, próximo ao lugar da descuberta, Prisciliano. A súa figura e doutrina como en moitos outros casos foi agachada pola Igrexa oficial. Para os que coma min nos gusta saber é moi interesante a obra de Chao Rego sobre o noso protagonista (Prisciliano en A Nosa Terra).
Este personaxe do século II que mesmo chegou a ser bispo de Ávila é a figura clave da nosa historia. Durante os tempos en que a Igrexa estaba na procura do seu oco no mundo este galego promoveu entre os seus paisanos a doutrina das primeiras comunidades cristiás fusionadas co paganismo anterior ao espallamento da doutrina de Pedro. Prisciliano non entendía por que a Igrexa lle concedía á muller un papel secundario e mesmo a culpaba de ser a fonte do pecado. El, propoñía mesmo que as mulleres puidesen exercer a predicación o mesmo que os homes. Tampouco podía chegar a entender como era tratada e por que non se lle daba un papel que el consideraba totalmente inxusto.
As súas propostas doutrinais fixérono unha persoa incómoda para a ortodoxia oficial, representada na Península Ibérica polo bispo de Sevilla, Idacio. Co apoio dos seus seguidores máis influíntes chegou a ser bispo de Ávila, tratando de que o cargo o protexese dos seus inimigos. Esta estratexia non impediu, coincidindo cun cambio no papado, que fose detido e xulgado por herexe. A sentencia foi inapelable e supuxo a súa decapitación baixo a acusación de herexía. O seu corpo decapitado foi traído polos seus seguidores a Galicia, ás terras de Iria, onde foi soterrado. Sería el o descuberto no século IX?
Son moitas as casualidades que levan a considerar a posibilidade que o corpo de Prisciliano repouse no Campus Stelae (hoxe coñecido como Compostela). Sería unha brincadeira de Clío que un dos lugares de referencia da Igrexa que o condeou por herexe, despois de Roma e Xerusalén, sexa o seu sartego. Non é máis crible esta historia que a de Santiago e a súa metafórica barca de pedra? A musa Clío soe ser moi caprichosa e neste caso, ¿por que non ía selo de novo?


NEBOEIRO NA PEAXE

-Son as oito, sete en Canarias. Radio Galega en directo dende a antiga peaxe de Rande.
Aquel xeito de comezar o día non tiña nada de estraño, a radio galega tiña o costume de iniciar o informativo dende algún punto da rede viaria galega para informar do estado do tráfico. Pero aquela forma de introducir a conexión en directo tiña algo que non cadraba, a voz sensual da locutora referíase á antiga peaxe de Rande. Non podía ser posible, onte aínda estaba a peaxe cando regresei como cada tarde á miña casa no morrazo e hoxe falaban dela como da antiga. Sería unha trasnada dos trasnos da radio.
Erguín e fun almorzar. Tiña o costume de andar co tempo xusto e conviña andar ás carreira para chegar ao traballo á hora. Cando abrín a porta do garaxe; “merda, hai neboeiro, terei que ir con tino”. Curiosamente aquel neboeiro fíxome esquecer o saúdo radiofónico. Coa tensión da conducción a cegas non me decatei dos cambios que xurdían ao meu arredor. Abondo tiña co neboeiro. Fun atravesando o que o meu maxín coidaba que deberían ser o monte de Cela e a Fraga sen saber realmente por onde se abría camiño o coche. Cando quixen acordar xa estaba na rúa García Barbón. De súpeto acordei, e lembrei o que escoitara na radio galega. ¡Non parara na peaxe de Rande!

ÁS MULLERES DE BUEU

“Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal;
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el xa non me pousará.”
Rosalía de Castro; Follas Novas.
Cando as persoas que dirixen o C.I.M. me propuxeron o reto de poñer texto á súa homenaxe, xermolou en min a imaxe das mulleres da miña familia. Miña nai, filla de mariñeiro; a avoa, filla de labradores e muller de mariñeiro; mais sobre todo, veu ao meu maxín a imaxe pequena e enrugada da bisavoa. Ela, que deixou a nosa compaña cando o seu corazón se murchou despois de moitos anos de traballo arreo decidiu descansar; é a que mellor sintetiza no meu maxín á muller labrega. Condeada ao traballo, sobreviviu nos anos máis duros da historia recente do campo galego, a guerra e a posguerra. Estas primeiras liñas quero que sexan para ela e para todas as mulleres que coma ela soterraron a súa infancia, mocidade e madurez en forxar a epopea do noso agro, das terras de Cela, Meiro, Hermelo, Valado, Beluso, Norte, Cividade... Da súa voz escoitei falar de mulleres que sacaron adiante as súas familias traballando como xornaleiras; eses nomes anónimos que agochaban unha historia de sufrimento e de loita polos seus. Esas mulleres fluían polo seu falar con admiración e agarimo, eran víctimas silenciosas da loita por sobrevivir afundindo os seus anos na terra que as viu nacer.
Non é menos admirable a vida das “viúvas dos vivos”, porque son as mulleres que Rosalía recolleu nos seus versos. Elas tiñan que sacar adiante ás súas familias mentres os seus homes loitaban co mar, día tras día. Son as amantes devotas cando o loitador das augas regresaba co tributo de Neptuno. Sufrían e sofren en silencio as ausencias, vían e ven medrar ós seus fillos sen a presencia da figura paterna, percibían e perciben os estrañamentos dos seus nenos diante do descoñecido que chega entre mareas e descoñece o cotián dos seus. A quen lle contarán os seus medos, os seus desexos, as súas confidencias e as súas penas? Quen as escoitará cada noite de vixilia?
Pero elas non son as únicas noivas do mar. No peirao vense cada vez menos as tecedeiras de soños. As redeiras que tecen cos seus fíos de esperanza os tributos cobrados polo mar nos aparellos. Elas remendan as redes e as desesperanzas dos seus homes cando chegan derrotados e afundidos despois de cada loita diaria. E con estas meigas da agulla comparten espacio as pescantinas, o derradeiro elo entre o mar e o consumidor. A loita e a dureza do seu traballo recólleo Castelao, no seu relato de Retrincos, “Sabela”; a homenaxe máis fermosa a todas as pescas de Galicia. Co seu traballo fechan o ciclo comezado cada amencer cando os barcos saen na procura do sustento. Esta tríada de mulleres atlánticas que noivas, mulleres e viúvas peláxicas complétase coa heroicidade das percebeiras que loitan a cotío cos penedos das illas de Ons e Onza para acadar o precioso tesouro que se agocha nos seus perigos.
Mentres penso en todas elas percorrendo o porto de Bueu percibo sobre min unha presencia fachendosa. É a vella fábrica de conservas. Ela que foi o principal motor económico do Bueu de principios do século pasado hoxe loita por deixar paso a unha urbanización de vivendas. Eu que tiven a oportunidade de entrar nas entrañas deste mostro en máis dunha ocasión, sigo tendo sempre a mesma sensación de frustración e de mágoa contida. Cantas mulleres deixaron o seu traballo entre sardiñas, salmouras e latas! As mulleres que soterraron moitos anos da súa vida foron as que fixeron que a conserveira chegase a ser unha industria de referencia no sector a nivel mundial. Elas que loitaron en silencio sen pedir moito a cambio, buscando un complemento á súa economía familiar observaron impotentes como o seu traballo non serviu para moito. A vella fábrica foi esmorecendo e con ela unha fonte de riqueza económica para a vila. Os tempos cambiaron, as mulleres xa non baixan como baixaban cando soaba ao lonxe a serea da fábrica.
Todas estas mulleres dende o anonimato, pero con paso firme axudaron a erguer esta vila. Loitaron e loitan para que os seus fillos foran e sexan dignos descendentes desta loitadoras. Da man destas heroínas anónimas que percorren a nosa historia camiñan tamén as mestras que como nais coidaron a formación dende séculos das xeracións máis novas nos momentos máis duros e nos non tan duros do século pasado que hai pouco que vimos de pechar.
Estas liñas son unha pequena homenaxe das xeracións máis novas para que teñan o seu xusto recoñecemento. E agardar que se saiba valorar todo o esforzo e adicación que lle adicaron aos seus estas mulleres na escuridade dos fogares, na dureza do traballo diario e no sufrimento dos malos momentos e das satisfaccións que sentiron cando viron como foron saíndo adiante todos os seus esforzos e adicacións en silencio. A todas elas: GRACIAS POR SER COMO FOSTES.
M.A.M.