Terça-feira, Outubro 24, 2006

A derrota das utopías

Grupo abeliano supón a confirmación definitiva da derrota das utopías fronte ó capital, da claudicación dos ideais fronte ó mercantilismo. A historia é ben sinxela, un grupo de mozos que coa axuda case exclusiva da palabra tratan en sete días de instaurar unha Nova Era. Malia as súas conviccións ideolóxicas acaban sendo engulidos pola sociedade contra a que loitan, xusto cando se decatan de que sen cartos non poden sobrevivir.
As resonancias bíblicas están no cerne da obra do limiao Cid Cabido, sete son os días que empregan para a inmersión social, a palabra é a súa principal arma. Eles son os apóstolos da Nova Era. A novela amosa tamén pegadas máis próximas. Como en A esmorga estamos diante dunha novela de carácter itinerante, os protagonistas de grupo abeliano deambulan polas rúas como antes o fixeran os esmorgantes de Blanco Amor. Iso si, non son personaxes marxinais, máis ben todo o contrario. Tamén se rastrexan influencias da Nova Narrativa Galega: o personaxe colectivo, narrador protagonista, difuminattio dos personaxes, o ambiente urbano...
A novela esperta no lector sensacións contradictorias, dende o desconcerto á adhesión incondicional que manifesta nos primeiros días pola subversión deste grupo de mozos ata a frustración e o desánimo polo seu sometemento baixo o xugo dos cartos.
Unha pregunta queda no maxín cando un vén de rematar a lectura: “¿Cal é o futuro que teñen as utopías?.”