A DESPREOCUPACIÓN POLO NOSO PATRIMONIO
O noso concello posúe un patrimonio cultura que está sendo ignorado por parte do goberno municipal. Na década dos oitenta o goberno bipartito BNG-PSOE fixo un esforzo importante na restauración de tres muíños de auga en Cela, Beluso e Meiro respectivamente. Os tres atópanse no esquecemento por parte da institución municipal e non son aproveitados nin pedagóxica nin turisticamente. Só o de Meiro está sendo empregado polos veciños para a celebración da Festa do Millo corvo.
Isto non é todo, a recuperación de embarcacións tradicionais é unha iniciativa de asociacións como Os Galos que recolleu o testemuño de As Lagoas, primeira asociación que recuperou o bote polbeiro, embarcación típica de Bueu.
O caso máis grave de deixadez atopámolo na propiedade que o concello posúe na urbanización da antiga conserveira de Alonso. Alí existe un espazo cedido aos veciños no que se conservan restos romanos e no que o goberno municipal non amosou o máis mínimo interese na súa recuperación e na creación dun espazo visitable.
Estes son tres exemplos da pouca importancia que lle conceden as nosas autoridades municipais aos noso patrimonio cultural. O importante para os nosos políticos son as festas gastronómicas (a Festa do Polbo) ou industriais (A Mostra do Morrazo), que teñen a súa importancia pero que son iniciativas efímeras. O noso patrimonio cultural representa o noso pasado e pode ser unha aposta importante de futuro e facer de Bueu un referente de recuperación do noso patrimonio cultural.

0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home